O principal obxectivo dos partidos políticos segue a ser conserva-lo poder, se xa están instalados nel, senón chegar a conseguilo, aínda que para logralo teñan que pasar por enriba de principios democráticos como son o respecto à opinión pública, a transparencia e o rigor nas súas promesas, sobre todos as electorais, veracidade nas afirmacións públicas e honestidade nos seus comportamentos.
Cando o poder ten medo, se sente inseguro ou ten algo que ocultar, agáchase no súa concha de silencio, contraataca, mente,…todo menos ser ético, honesto, transparente.
Nestes intres estamos en plena campaña electoral aínda que a Xunta Electoral Central non dixera que xa se pode empezar. Os partidos, ultimamente, non lle están facendo moito caso, precisamente.
Hoxe queremos deternos nunha destas facetas negativas que tan mal lle queda a calquera individuo, máxime tratándose daquelas persoas que se din se-los xenuínos representantes dos cidadáns; os nosos avogados: a mentira.
Para os actuais políticos, sobre todo os que están no poder, mentir estalles resultando unha empresa rendible; menten unha e outra vez e os votantes esquecen rapidamente as promesas feitas en campaña e voltan a dárlle-la súa confianza. ¿Por qué este comportamento sadomasoquista? A resposta sería materia para un doutoramento en socioloxía política moderna. Nós só podemos denunciar publicamente algunhas das mentiras ás que temos acceso, como calquera cidadán, seguindo os medios de comunicación.
Coa Guerra de Iraq fomos enganados por todos. “Que Iraq ten armas de destrucción masiva é un feito obxectivo”, dixo Aznar cheo de sete razóns. Agora o seu acólito, Rato, ven a dicirnos que o Goberno español seguiu o rebufo dos demais países que afirmaban o mesmo.
Nas pasadas eleccións Rajoy fixo en terras galegas unha rotunda afirmación: “Les aseguro que el próximo año non habrá nadie que tenga que pagar peaje en Rande”; agora a “Plataforma contra a peaxe”, ven de editar un disco co titulo de “La credibilidad de Rajoy. Promesa electoral”.
O Xefe da CIA di que el nunca falou de Iraq como ameaza inminente, pero Powell saíu na televisión asegurando todo o contrario e mostrándonos un tubo que se supuña era igual ós que tiña Sadam con armas químicas, antrax, e outras lindezas; claro que agora, acosado polos feitos, sae na tele todo chulo e di que “seguramente nos precipitamos afirmando que Sadam tiña armas de destrucción masiva”; pero, ¿qué era o que tiña na man, logo? ¿Estaba mentindo e facíao con aquel descaro?
Sen saír de EEUU. Non deberemos esquecer que a actual Administración americana puxo en marcha un Departamento de (des) información que se encargaría de transmitir a tódalas axencias informativas do mundo a versión do goberno sobre o que está pasando, non só en EEUU senón, e sobre todo, no resto de mundo. Agora Busch puxo en marcha unha comisión que investigue por que lle facilitaron información errónea, sabendo que, como vén de afirmar o ex-inspector de Nacións Unidas en Iraq, Scott Ritter, ” Busch aprobou a estratexia de guerra con Iraq oito meses antes de pedir un mandato de guerra ó Consello de Seguridade de Nacións Unidas; mandato que, curiosamente, nunca conseguiu.
David Kay, xefe dos buscadores de armas mandado polo goberno americano di “todos estabamos errados”. Por último, o Consello de Europa criticou abertamente á TVE citándoa “como exemplo de manipulación informativa polas presións do goberno.