¿Haberá moción de censura en Ponteareas?

NOVAS do EIXO ATLÁNTICO Nº 362 xaneiro 2004

Diante da morea de mocións de censura que se viñan producindo nos últimos tempos, logo e que as urnas falaran e non fora a gusto de todos, evidentemente, os dous partidos maioritarios (PP.-PSOE) chegaron a un acordo para, dalgún xeito poñer fin a tanta desfeita. De aí saíu o chamado Acordo sobre transfuguismo.

No devandito acordo as dúas forzas políticas comprometíanse a non dar cancha ós tránsfugas (entendendo por tales aqueles concelleiros que saíndo elixidos nas listas dun determinado partido, logo, por razóns da súa propia comenencia, estaban dispostos a pasarse a outro ou apoiar unha moción de censura para cambiar de precisamente de alcalde).

Isto foi o que se dixo, pero non o que se fixo.

A verdade é que ningún dos dous partidos foi quen de mante-la disciplina de voto dos seus candidatos dunha maneira total. Tal vez o BNG é o que, a día de hoxe, está aguantando mellor o tipo, non porque non lle teñan saído tamén tránsfugas senón porque é máis decidido á hora de tomar medidas disciplinarias: Cousa que nos demais partidos se fai con bastante titubeo. Antes de seguir adiante temos que facer unha confesión:”non somos partidarios, precisamente, da dictadura dos partidos, que sabemos que existe porque xa padecemos noutros tempos pasados, sen embargo entendemos que os candidatos deben respecta-las tránsfugas regras de xogo ou senón non sentarse a xoga-la partida.

Miguel Barros, a quen entrevistamos en páxinas interiores deste noso xornal, vén de confesarnos que unha moción de censura non pode ser utilizada para soluciona-los problemas dos partidos entre si.; nós engadimos, e moito menos tratándose de solucionar problemas de cheque, como diría un arxentino.

Pero, ¿qué pasa en Ponteareas?

Pois, en Ponteareas, segundo o noso modo de ver, non pasa nada. Iso non quere dicir que dentro duns días, dunha semana, duns meses, alguén se sinta protagonista e saia elixido co apoio de 4 dos cinco concelleiros do PP. Estes concelleiros foron cualificados por alguén, interesadamente, como tránsfugas, cando, ó noso entender non foron tal, porque neste caso falta o motivo principal do transfuguismo: beneficiarse política ou economicamente da operación. Estes concelleiros populares non só non se beneficiaron do apoio prestado ós socialistas e nacionalistas, senón que foron ameazados de expulsión polo seu partido.

¿Por qué este apoio sen beneficio algún? Aquí está a cuestión; a nai do año, como se diría.

Ben, nós cremos que era o único que podían facer para seren coherentes coa súa postura en referencia ó goberno anterior de Nava e Pepe Castro. Venderan unha nova imaxe popular e moitos veciños creron nela; ¿poderían agora traizoarse a si mesmos e presentar unha moción de censura cos votos do grupo de Castro que tanto levan defenestrando? Home, como poder poden, pero seria realmente infumable.

Voltando ás palabras de Miguel Barros, “unha moción de censura non pode ser para soluciona-los problemas entre partidos”, senón, engadimos nós, como resultado de liberar ós veciños dun goberno nefasto ó que hai que cambiar como sexa. ¿É esta a situación de Ponteareas? De momento, entendemos que non; non futuro, ¿quen pode adiviña-lo futuro?.

Deixa un comentario