
Parece que foi onte e xa van aló viradas XX primaveras, que diría Cunqueiro.
Comezaba o ano 1984 a dá-los seus primeiros pasos; o pobo galego, igual que o resto do Estado, pretendía espreguizarse. Os “roxos” que “tiñan” rabo para algúns, fixéranse co Poder do Estado; España si que era diferente. Nós sacamos á rúa un xornal escrito en galego. Falar disto daquela era pouco menos que sacrílego; as grandes empresas de comunicación dicían que os cidadáns non lían en galego, logo era un erro ofrecerlles xornais escritos en galego.
Non hai dúbida de que estaban errados; os galegos lemos no noso idioma sempre e cando a lectura nos diga algo, nos sirva de algo. Ser sometidos a un bombardeo mediático, coas noticias cocidas en fornos en serie, clónicos, é algo que a ninguén lle resulta atractivo; se por enriba se fai nun idioma, o galego, que está estigmatizado polas chamadas “mentes lúcidas” deste Pais, evidentemente, este noso pobo que aínda non foi quen de sacudirse “o pelo da devesa” do seu atraso cultural, rexeita os xornais escritos en galego. Isto non é máis ca unha pequena mostra de cómo se entende a Galiza; para uns non é máis ca unha parte desta pel de touro occidental europea na que se poden facer bos negocios co atraso das súas xentes, que se mergullan en toda casta de supostas novidades cando non son mais ca abelorios colorados sen contido ningún; para outros resulta unha estupenda escusa para aparentar unha querencia fonda sentimentaloide coa que se pode medrar na política e, de paso, nos negocios; son os falsos galegos tantas veces disfrazados de galeguistas que se introduciron no rabaño nacional (e nunca mellor usado o termo) e disfrazados con pel de cordeiros viven de muxir as enganadas ovellas que os acollen e amamantan esperando un amencer que nunca chega. Quedamos os tolos, os inconformistas, os “politicamente incorrectos” feitos dun cerne que non loce, que non sabe dicir “si señor, o que Vde. mande, señor”; os que, cando era máis fácil e rendible política e economicamente, apostar polos que, xa daquela, aparecían como triunfadores, embarcámonos nunha viaxe coas alforxas repletas de ilusión, de fe no que queriamos facer e de entrega total e absoluta a unha terra, a nosa, que sabiamos sedenta de homes e mulleres que traballasen por ela. Damos resposta á cita de Castelao cando nos di que os que entendan que Galiza é pequena que se poñan a traballar por ela, xa verán que hai leira para todos.
E aquí estamos hoxe anunciando ledos e orgullosos a entrada no ano XXI deste humilde xornal. Aló van tantas e tantas horas de sono e de traballo; de ilusións e de negativas ; de abandonos e de desprezos, pero tamén de palabras de alento e de felicitacións sinceras daqueles que si saben o que significa un xornal en galego, libre, independente, insubmiso, apartidista que non apolítico. Claro que facemos política, no senso máis grande do termo. Traballamos para a “polis”, traballamos para mellora-la Nosa Terra, traballamos para o Pais. Facemos “Política Galega”, así, con maiúscula.
Nesta entrada de ano, cando nos preparamos para festexar por todo o alto a nosa maioría de idade como xornal galego, queremos agradecer a tódolos que creron en nós e nos honraron coa súa entrega e colaboración desinteresada; a tódolos nosos anunciantes os que lles debemos a nosa vida, pois sen eles estariamos criando malvas no cemiterio do esquecemento, como lles pasou a tantos colegas que tiveron unha efémera existencia dende que nós nos presentamos en sociedade.
Cumprimos XX anos cheos de folgos e de ilusións, de ilusións dobradas na seguridade de que puxémo-los alicerces dun proxecto que debe continuar coa axuda de outras galegas e galegos que sabemos existen e tamén cren na mesma idea. A semente está a crecer, agora só fai falla que a sol substitúa a xeada, que a fe non permita o desalento; a idea é engaiolante, o Pais precísao.
¿¿Boas Festas e Feliz Aninovo, 2004!!