Chegou a democracia. Rematou a “longa noite de pedra” que cantou o poeta. Os tempos son chegados. Isto é o que din os xornais, os políticos e algún que outro cando lles interesa.
Eiquí non chegou nada. Seguimos vivindo unha longa noite de pedra, seguimos esperando o espertar dun novo día. Unha néboa espesa abafa á nosa xente. O medo o “señor” non deixa falar á xente. Ainda non morreron os vellos camaleóns que non teñen inconveniente de se vestiren co traxe democrático e presentarse como os que sempre foron nosos salvadores. Vellos fósiles da historia que soñan con novas monarquías hereditarias, propias da Idade Media. Sangue azul ou negra (como a auga dos nosos ríos emporcalladas pola súa “boa xestión”) pouco importa. Eleccións libres, democráticas ¿úlas? O aparato montado sobre a ignorancia do noso pobo ponse en marcha. Unha manchea de esbirros e lambecús ofrécense aos paisanos para “orientalos”. Coche na porta con viaxe de ida e volta pagado.
¿Cando mexará do seu o noso pobo? É moi triste escoita-las razóns que teñen para non facelo. O medo, as presións de moitos estilos e maneiras, as promesas non cumpridas pero sempre esperadas, os pequenos favores.
Triste panorama. Aire abafante para tódolos que estamos por racha-las cadeas de opresión, da incultura, do dirixismo, da mentira. ¿Quen será quen de poñer remate a tanto abuso? Difícil resposta. Cando un pobo se nega a si mesmo, cando renuncia, por medo, por cobardía, òs dereitos que lle corresponden como persoa, ¿que se pode facer?
Os que xa hai moito tempo que Perdomo-lo medo, os que non comulgamos con pedras de muíño, temos que seguir berrando cal novos “bautistas” neste deserto. A liberdade temos que gañala todos, e cada quen a súa. Os galegos teñen que dispoñerse a bater co pé no chan dunha puñetera vez e rematar coas “bichas”, que lle zugan as súas propias decisións, cos que queren pensar por eles como se fosen subnormais. Nós seguiremos na loita. Aínda que non gañemos a batalla estamos seguros que outros virán para seguir co facho da liberdade acceso. Outros que continuarán a nosa obra. Outras que si poderán cantar que “os tempos son chegados” e que por fin, tamén aquí, na Galicia rural e campesiña, “os tempos son chegados”.