
Unha das teimas do noso ínclito alcalde, don José, é a de que Ponteareas sexa noticia. Ben porque lle facemos unha alfombra ó Papa, ben porque somos un dos escasísimos pobos que temos nas nosas prazas unha estatua ó dictador ferrolán, ben porque podemos presumir dun alcalde que, despois de 30 anos no poder (¡vaia resistencia!), presume de ser franquista, falanxista e de non ter cambiado o seu cliché dende os anos sesenta e tantos, que chegou á poltrona.
Todos estas cousas e outras moitas foron durante todos estes anos noticias nos medios de comunicación galegos e estatais. Sempre lle gustou pasar por ser un alcalde incombustible; hai xente que cre firmemente que debe ter algún pacto co Demo porque a pesar das barbaridades que fai, das barbaridades que di e das barbaridades ideolóxicas que defende, existen un montón de votantes (máis de 4.000 nas últimas municipais) que seguen a crer na súa estrela.
Estes elementos tan dispares e tan éxoticos, por utilizar un termo suave, levárono a crear unha nova situación que, de non ser porque é real, a calquera lle podería parecer kafkiana: burlarse unha e outra vez de tódalas leis habidas e por haber. ¿Como? Moi sinxelo. Vexamos.
Castro, como lle coñecemos familiarmente entre nós, está condeado por dúas veces, polo Tribunal Supremo. Evidentemente, non hai recurso posible, (aínda que o PP local siga dicindo que a xustiza ten que falar) pero se unha solicitude de indulto ó Goberno. Solicitude que dorme o sono dos xustos nalgúns caixón do Ministerio de Xustiza. Por esta razón o PPdeG decidiu non levalo nas súas listas nas pasadas eleccións municipais, pero don José Castro, todo xenio e figura, enfrontouse contra o seu propio partido e contra o mesmo don Manuel Fraga (¡quen o diría!), e cunha lista independente gañóulle-las eleccións en Ponteareas.
Castro foi a lista máis votada, pero non sacou maioría. E aquí é onde empeza a película que actualmente, por capítulos, se está proxectando en Ponteareas.
Dado o seu carácter dictatorial e personalista non aceptou que o Pleno (constituído polos restantes partidos PP, BNG e PSdeG-PSOE) lle dera leccións de ningún tipo. A nova lei de Administración Local, cunha importante carga de presidencialismo no seu articulado, sérvelle como escudo protector para facer o que lle peta. Os acordos plenarios, cando non pode evitalos con algunha artimaña das moitas que manexa, pásaos por aquel sitio. Cando lle din que a lei esíxelle o seu cumprimento argumenta todo rufo que el interpreta a lei doutro xeito; que os seus asesores xurídicos (nomeados entre a familia política súa) dan outra interpretación, e que os que non estean de acordo que vaian ó xulgado. El sabe moi ben que este tipo de querelas tardan anos en resolverse, que pode chegar con elas ata o Supremo porque paga os gastos cos fondos públicos do Concello e que a oposición ten que pagar do seu peto.
Tal é a situación creada nos últimos seis meses que o 90% dos acordos plenarios están sen cumprir. Outros recurriunos para gañar tempo e así sucesivamente.
Diante desta esperpéntica situación, suspendendo plenos, á toas por un quítame alá esas pallas, os veciños, que veñen asistindo indefensos diante do claro abuso de autoridade deste señor, no último pleno xa non aguantaron máis caralladas e decidiron entrar no despacho onde pretendía celebra-lo a porta pechada, como viña sendo habitual. Claro que Castro, pensaba outra cousa. Aquí é onde nace o rife-rafe para entrar no seu despacho. Os pobres guardas municipais, víctimas dun exceso de celo profesional e sen poder facer outra cousa, tentaron impedir que os asistentes ó pleno entraran no despacho do alcalde. Por unha cuestión de equilibrio de forzas concurrentes, non foron quen de para-la avalancha que se lles veu enriba.
O público entrou; pediu que se celebrar o pleno no salón de plenos; Castro, cun sorriso cínico característico seu, dixo que diso nada. Logo dun pouco de tempo e despois de chamar ás forzas da orde accedeu a celebra-lo pleno alí dentro pero esixindo (¡que inxenuo!) que saíra a xente.
Total, nin saída do público ata que logo das dúas horas permitiron que aquilo, que Castro chamou “secuestro”, rematara.
Evidentemente, ao día seguinte fomos noticia de portada. O que el non tiña conseguido facilmente conseguírono os veciños sen querer.
Unha vez pasado o fragor do combate ¿que se pode dicir da situación política de Ponteareas?
Hai cousas que a estas alturas resultan evidentes. Que o PP, a nivel Galicia, non ten interese por rematar con este teatro. Que os concellais populares locais atópanse nunha difícil situación, aínda que algúns pensen o contrario; que a xente empeza a desconfiar de que a campaña feita contra Castro por Fraga e Cuíña non fora máis aló dun simple acto electoral sen contido real e sincero; que Castro ten apoios dentro do seu ex-partido (o PP) e que ata despois das eleccións xerais ninguén vai mover un dedo por tranquiliza-la vida política desta vila; que estamos dando a volta ó mundo do esperpento e do absurdo político; en fin, que somos unha triste noticia de portada.