Portugal non entrou en campaña…

A PENEIRA Nº 365 Marzo 2004

Levamos anos escoitando ós principais partidos que actúan en Galiza (PP., PSOE e BNG) que Portugal é algo importante para nós; que Galiza e o Norte de Portugal constitúen unha eurorrexión chamada a desempeñar un papel de primeira orde diante das institucións europeas; que os galegos e os portugueses, sobre todo os do Norte, somos como irmáns. Todo isto e moito máis escoitámolo a cotío; sen embargo nestas eleccións xerais Portugal está, practicamente desaparecido das mensaxes que nos fan chegar os distintos candidatos.

Se temos en conta que dende a cidade de Porto ata Ferrol hai catro aeroportos, cinco universidades e unha chea de museos e salas de exposicións; un montón de industrias galegas veñen de asentarse en terra lusas; Rodman mercou recentemente terreo na Parque de Valença do Minho para unha nova fábrica, semella que o desenvolvemento de proxectos que potencien a prosperidade da rexión non é un tema prioritario, quedando reducido á mellora das redes viarias.

A única referencia faina o BNG que apunta como obxectivo “a apertura de posibilidades reais de que a relación Galiza-Norte de Portugal sexa efectiva en termos de intercambios culturais, sociais e institucionais”. Olaia Fernández, candidata do BNG, asegura que se a súa formación é decisiva en Madrid buscaranse “políticas orientadas ó desenvolvemento económico con referencias comerciais na eurorrexión; así como fomenta-la interrelación dos poderes políticos entre Galiza e o Norte de Portugal”.

O Partido Popular unicamente proxecta unha liña de alta velocidade entre Vigo e Porto. Os socialistas falan nos seus programas da creación do corredor Atlántico que uniría Galiza co Norte de Portugal; ó tempo que afirma que ” España debe intensifica-la cooperación transfronteiriza en proxectos comúns de desenvolvemento estratéxico rexional con Francia, Portugal e o Magreb.

¿Saberemos elixir ben?

Cada vez que hai eleccións atopámonos cuns programas que nos ofrecen o ouro e o mouro. Os militantes dos partidos e simpatizantes non teñen problema ningún; eses votan cos ollos pechados, digan o que digan os seus partidos; son coma os “afeccionados” dos equipos de fútbol; non teñen a cabeza o suficientemente fría como para analizar realmente que é o que se lle propón dende as distintas forzas políticas e se os que así ofrecen teñen un mínimo de credibilidade.

O partido que está no poder racanea durante anos calquera investimento que se lle solicite dende as institucións, pero cando chegan as eleccións, entón as concesións están á orde do día. No último mes o Ministerio de Fomento inaugurou máis de 30 proxectos; en Galiza tocáronnos uns cantos: Ferrol, Santiago, A Estrada, Lugo, Verín,…

O terrorismo está sendo o centro do debate; a sanidade (con folgas de fame incluídas), a manipulación dos medios de comunicación, as pensións, o paro, estes temas non interesan a ninguén. Un señor de Cataluña que se lle ocorreu falar con ETA está sendo crucificado. ¿Acaso non teñen falado con ETA tódolos partidos que pasaron polo goberno? Claro que agora hai a consigna de que ETA será derrotada policialmente e máis nada; fóra disto será considerado como “colaboración con banda armada”. O asunto estalle resultando tan ben ó partido no Poder que non hai mitin que non se fale de ETA e de Carol Rovira; así as enquisas lle outorgan grupo parlamentario en Madrid (6 deputados); endexamais tivo a organización terrorista tanta publicidade de balde. ¿É decente que para derrotar a un adversario político se utilice este delicado tema como arma? Os votantes dirán a última palabra.

As enquisas non acaban de aclarar unha victoria clara do PP., por esta razón nos últimos días vemos como o ton da campaña está subindo en descualificacións persoais.

Da crenza de que os socialistas, segundo o programa popular, nada tiñan que facer pasamos a unha dúbida razoable de que o PP. pode perde-la maioría absoluta. Acostumados a pasa-lo rodete en tódalas institucións unha maioría minoritaria seria como unha derrota.

As descualificacións persoais ó candidato Rodríguez Zapatero non teñen límite: incompetente, falto de preparación, débil politicamente, inseguro, etc., etc. A manipulación dos medios é un auténtico escándalo; Aznar e Rajoy en directo, Zapatero en off. ¿E as opcións nacionalistas que poden condiciona-lo Poder tanto nunha dirección como noutra onde están? Para os medios oficiais, practicamente non existen; concédenllelo mínimo legal.

Mentres en Bruxelas se critica o Goberno Español por dicir que actuaría igual diante doutro “Prestige” aquí, este feito, non fai reflexionar ninguén; agasalláronnos co Plan Galiza e disque temos que agradecer que se fundira o petroleiro.

Claro que o profesor de Análise Rexional, da USC, José Ramón Chantada, dinos que máis do 50% da poboación de 32 concellos galegos (o 18% do total de Galiza, 430.768 cidadáns), é analfabeta ou non ten estudios; todo vai encaixando. Dese total 32 concellos corresponden a Ourense, 6 a Lugo, 3 á A Coruña; a única provincia que se salva é Pontevedra. Agora podemos empezar a entender por que é tan efectiva a propaganda política que dende os gobernos respectivos se deixa caer sobre “estas mentes tan lúcidas”; agora tal vez teñamos a respostas de por qué Baltar, por exemplo, presume de ter a provincia de Ourense baixo control; agora sabemos por qué o BNG e o PSOE gañaron nas grandes cidades e foron derrotados no mundo rural galego.

Para rematar, só nos queda recomendar ós galegos, sobre todo, que non esquezan que son eles os que “mandan” o vindeiro Día 14-M; que se fixen se os que puideron facelo non o fixeron e veñen agora a promete-lo maná; que analicen se resulta coincidente a “España va bien”, do Sr. Aznar, por exemplo, co seu peto a fin de mes. En fin; que saiban que os políticos buscan o noso voto para seguir ¿gobernando? outros catro anos máis.

Entón, preguntarase o lector, ¿a quen votar? Pois ó máis coherente entre o que di e o que vén dicindo dende sempre. Os demais non merecen que perdamos un minuto escoitando as súas “promesas de campaña”, que xa nos prometeron anos atrás e seguen no tinteiro.

Deixa un comentario