De Entroidos
No ciclo anual das celebracións populares temos como festa máis tola o Entroido. As máscaras, as esaxeracións na vida cotiá e o troco da realidade que preparan e introducen o tempo de recollemento que virá máis adiante. Neste período maniféstanse toda clase de pensamentos internos e xeitos da personalidade que agachamos o resto do ano. É a inversión como sistema curativo da nosa sociedade.
Unhas eleccións, neste caso ao Parlamento do Estado Español, veñen sendo o tempo de Entroido do mundo da política. Moitos dos profesionais deste sector preparan a súa mellor máscara e déixanse ver entre os cidadáns en actitude diferente a como se lles ve noutras datas. Como o Peliqueiro de Laza, algúns mallan nos que se achegan desprevidos na procura de información para diferenciar a verdade da farsa. Non empregan vergallos senón determinados medios de comunicación que conseguen ferir moito máis a sensibilidade social.
Un exemplo moi de actualidade: dunha reunión entre partes ben diferentes como é a organización ETA e o filólogo Josep-Lluís Carod-Rovira, unha máis da enorme listaxe de negociacións polas que pasaron mesmo tamén o PSOE e o PP, a esaxeración e o paroxismo arrincan o demo interior que aínda levamos dende a ferida mal pechada da nosa guerra civil. Polos votos dunha parte da poboación (certo é que grande demograficamente), non dubidan algúns en asemellar nacionalismo e terrorismo esquecendo, deste xeito, boa parte da recente historia deste país.
Como acto final, aínda que se cadra non o último, non recollen en manifestos nin en testamentos os feitos a maneira de parodia, como tamén ocorre en Laza, senón que publicitan unha declaración terrorista que noutras circunstancias non tería a lexitimidade de atentar contra a unidade dos partidos que, democraticamente, ofertarán as súas ideas ao pobo o vindeiro día 14 de marzo. Ata agora a realidade política tiña como fundamento que os partidos que aceptaban o xogo (¿por qué lle chamarán así?) democrático contaban por igual e saían da mesma liña na carreira electoral. Un mes antes de escoller á persoa que dirixirá a España dende Madrid non todos os candidatos contan con igualdade de condicións. É necesaria unha reflexión por parte de todos/as e crer con firmeza nas normas que nós mesmos inventamos. Oxalá volva ao rego unha situación que está a desequilibrar sen fundamento a toda unha sociedade.